Os enfermeiros corrían polo Metropolitan Hospital da cidade de New York. Acaban de recibir unha muller negra en estado grave. Había dúas horas unha chamada alertara de que Ms. Holiday se consumía dunha cirrose hepática. Holiday? Billie Holiday está aquí? En que habitación? Un bulicio recorría cada andar. A xente espreitaba na súa procura, mais poucos a darían recoñecido. Era o proído de poñerlle rostro a unha figura imaxinada a través da súa voz.
Vinte anos antes (1939) unha canción pechaba a sesión do Café Society. Un lamento que rasgou o jazz dende o máis profundo abismo. Un son enfermizo, triste, puro, roto. A dor que sentía daquela era ben distinta. Partía da alma. Do desacougo. Un berro seco antirracista anegando a conciencia da sociedade norteamericana. Cos últimos acordes do piano caía a penumbra e desaparecía do esceario. Morría a diva, a falsa, e renacía a muller.
A súa nenez foron moitas vidas nunha. Os seus pais eran uns críos. Contaban trece e quince anos cando veu o mundo por primeira vez. Cedo marcharía a Fells Point, un barrio de Baltimore, a vivir con seus avós. Violada, maltrada e prostituída buscou en New York o colo materno. Entón, a súa sorte dá un xiro. No 1930 entra no Pod’s and Jerry da 133 Avenue na procura de traballo. Canta Travelin’ All Alone. Un epitafio prematuro que cambiará a súa estrela. Benny Goodman, Duke Ellington, Count Basie, Artie Shaw. Aínda era unha adolescente.
A súa compaña puxo no roupeiro as prendas que traía. Non todas. Quedou cun abrigo de peles, e gardou no bolso o colar de perlas que lle regalara Lester Young, o único que a consolara entre tantos amantes distinguidos, morto meses antes. -“Eu serei a seguinte”- dixera camiño do seu funeral.
-Hei volver mañá.
Billie non respostou. Debaixo desa fachada de visón e nácar non lle quedaba nada. Entre bambalinas o seu sangue era alcol e heroína, e seu corazón seguía a pertencer aos chulos, vividores e traficantes que pagan por deitarse cunha nena. Desprezada por ser negra, pola súa bisexualidade, por levantar a súa voz contra a inxustiza, por tantas cousas estaba soa. “I'm so weary and all alone”.
Días despois a policía entra na habitación. Presa por posesión de drogas o seu derradeiro alento esmoreceu esposado á cama do hospital. O alento dunha alma sempre atormentada.
A arqueoloxía asiste á canción dunha vida semellante. A da paixón destrutiva coa construción. A da tristura dun amor amargo. A do esquecemento das xeracións perdidas. O clamor das tímidas voces a carón dunha cervexa. A falsidade dunha vida pública de mentira. A dos desaires do ego. Unha palabra prostituída no silencio. Un paciente apodrecido. Un froito estraño pendurado dunha árbore.
“Here is fruit for the crows to pluck.
For the rain to gather, for the wind to suck,
For the sun to rot, for the trees to drop,
Here is a strange and bitter crop.”
Aínda non sei ben que é arqueoloxía (ou arqueoloxías). Nadie está en ningures, nin é responsable de nada ou merecedor de algo. Fago cousas que sancionan o sistema porque deben ser así. Deben ser así? Non sei se os meus actos son resposta ás sombras da caverna, ou se mesmo eu son esas sombras. Que estou a facer? O ser humano, ese enfant terrible inmaduro e consentido. O presente é unha creación persoal e colectiva que nos está a escorregar entre as mans, que marcha coas caladas cínicas ou cos exabruptos hipócritas, co paradoxo de que a curta corda da propia honestidade nos esgana.
Nace a rabia de pensar que sexan os moribundos os que intenten evitar o funeral dunha arqueoloxía ética. Agroman bágoas por ver aos sen alento querer afrouxarlle o pescozo. Ser os que limpen o corpo. Os que o agarimen. Os que están carpir un pranto xeneroso de dor no vacío. Alguén terá que entonar esa canción “Árbores no sur portan froitos estraños, sangue nas follas e sangue na raíz...”.
Publicado por: Andrés Teira Brión
Escribir comentario