Cociñando na Idade do Ferro (II parte)

Como xa avanzamos nunha entrada anterior deste blog, nesta ocasión falaremos dos produtos do mar, ou o que é o mesmo, da pesca e do marisqueo. 

Estas actividades tiñan un importante peso na dieta das poboacións costeiras xa dende tempos moi anteriores a Idade do Ferro, e aproveitando a nosa experimentación de finais do curso pasado, repasaremos algunhas das especies que consumían os habitantes dos castros e comprobaremos a aptitude do Forno Castromao como fogón de cociña.


Mariscadores…

A maior parte da información que temos sobre os hábitos de consumo das comunidades da Idade do Ferro chegou ata nós grazas a existencia dos concheiros, auténticos vertedoiros de lixo destas comunidades, situados normalmente no exterior dos poboados ou en áreas non ocupadas dos mesmos; aínda que en ocasións podemos atopalos no interior de estruturas, como no Achadizo, o que fai pensar que a estrutura en cuestión podería terse empregado como cortello (CONCHEIRO, 2008).

Nos concheiros, ademais das cunchas de diferentes especies de moluscos, pódense atopar tamén restos de ictiofauna e ósos de mamíferos; ademais de fragmentos de cerámica e outros materiais, o que fai deles unha interesante fonte de datos para os arqueólogos. 

Nas últimas décadas sistematizouse o estudo destes depósitos, o que constituíu un gran avance no coñecemento nos hábitos de consumo das comunidades castrexas máis alá dunha enumeración de especies aproveitadas. Na actualidade posuímos datos de varios xacementos que permiten observar as especies máis consumidas por etapas e relacionalas co entorno do asentamento.

Para levar a cabo a nosa recreación experimental botamos man de dúas especies de bivalvos presentes en maior ou menor medida no rexistro, caso dos mexillóns e os berberechos. 

O mexillón (Mytilus galloprovincialis) é un dos bivalvos máis consumidos nos asentamentos castrexos, como é o caso de Borneiro, Baroña (VÁZQUEZ, 1996) ou o Achadizo (CONCHEIRO, 2008) en Cabo de Cruz. 

Pola súa parte, os berberechos (Cerastoderma edule) mariscaríanse en menor medida. O berberecho é unha especie que habita en fondos lamosos ou areosos,  o que significa que se poden apañar con bastante facilidade na ribeira das rías galegas. 

Pero non so se aproveitaban estas dúas especies de molusco, os castrexos  tamén consumían diferentes variedades de ameixa, ostras, navallas, percebes, e incluso moluscos que hoxe nos resultan alleos á nosa dieta; caso das lapas ou dos arneiróns, aínda que a presenza destes últimos nos concheiros pode responder a inclusións non relacionadas co consumo.


…e pescadores

A pesca tiña tamén un papel importante na alimentación das comunidades costeiras. A faneca (Trisopterus luscus) ou a dourada (Sparus aurata) son algunhas das especies que podemos atopar representadas no rexistro arqueolóxico.

Nembargantes foi o sargo (Diplodus sargus) a especie que escollemos para realizar as probas do forno. Este peixe aparece documentado en xacementos como o de Punta de Cantodorxo, no Grove (REY et al.1998), se ben non é unha das especies máis abundantes no rexistro, procede coma os anteriores de fondos rochosos próximos á costa; polo que a súa pesca non requiriría de técnicas nin embarcacións complexas, sendo posible capturalos dende a ribeira ou dende pequenas barcas con anzois ou redes. 

O peixe capturado, podería consumirse en fresco ou ser procesado para a súa conservación, un dos métodos empregados puido ser o secado, tal e como se ven facendo ata a actualidade en Muxía; aínda que tamén, como no caso das carnes, serían factibles outros procesos como o salgado ou o afumado.

 

O Forno Castromao: un fogón?

Como xa comprobamos, a réplica do Forno Castromao cumpre perfectamente o seu cometido a hora de realizar unha cocción de cerámica. Na segunda xornada das prácticas decidimos poñelo a proba para un fin ben diferente empregándoo como fogón de cociña.

Para cociñar nel aproveitamos a bufareira realizada para a cocción da cerámica, pero nesta ocasión, en lugar de facer o lume nela, dispuxemos as brasas no interior da cámara do forno. Esta disposición vén dada polas observacións de Tomás López, segundo as cales, as marcas de lume no interior da peza arqueolóxica de Castromao indicarían un uso no que o lume estaría directamente sobre a grella. 

Para asar os sargos ensartamos os peixes en varas colocando logo as mesmas sobre o forno cerámico a xeito de espetos, mentres que para a cocción dos berberechos e os mexillóns botamos man das olas cerámicas que foron dispostas directamente sobre as brasas. Neste último caso, hai que advertir que as cociñas castrexas puidesen contar cun sistema similar ás lareiras tradicionais (burro e gramalleira) con materiais perecedoiros (madeira, corda, coiro…).

O resultado en ambos casos foi plenamente satisfactorio, quedando patente a posibilidade dun uso culinario para este artefacto. Evidentemente isto non asegura en absoluto que esta fose a súa única finalidade, pero sen dúbida abre unha interesante perspectiva na interpretación destas pezas.

 

Publicado por: Estevo Amado Rodríguez

 

Bibliografía:

CONCHEIRO COELLO, A. 2008, Castro do Achadizo : cultura material, economía de subsistencia na Idade de Ferro : memoria das escavacións, 1991-1994, Concello de Boiro

REY, J. M.; FERRÉ, M. C.; FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ, C.; RODRÍGUEZ LÓPEZ, C. 1998, Sondeos en el conchero del castro de Punta de Cantodorxo (O Grove, Pontevedra) análisis zooarqueologico, Gallaecia, Nº 17, pp. 177-198.

VÁZQUEZ VARELA, J. M. 1996, Del mar al camino, del camino a la mesa, la fauna marina de las excavaciones arqueológicas de 1986, 1990 y 1991 en Lugo, Lucus Augusti / coord. por Antonio Rodríguez Colmenero, Vol. 1: 107-127.

 

Escribir comentario

Comentarios: 0